A morte física do estadista español Manuel Fraga Iribarne acaba de
desatar unha operación política e mediática de revisionismo histórico
que xa se cociñaba nos últimos meses ante a iminencia do seu
falecemento. A iniciativa popular pola autodeterminación Causa Galiza,
sen derramar un minuto nesta deleznábel figura histórica e política,
queremos afirmar, pública e claramente, aquelo que saben miles de
galegos e galegas e que, hoxe, moitos dirixentes que se autodefinen como
“nacionalistas” ou “de esquerdas” calaron no que é un exercicio máis de
complicidade coa ocultación da historia e a negación da nosa memoria
colectiva.
1º Fraga Iribarne foi o máximo responsábel político da represión
nalgúns dos períodos máis duros do rexime militar que entre 1936 e 1975
asolou o noso País e segou a vida de miles de galegas e galegos. Un
rexime que nunca condenou a pesar de que este se iniciara co asasinato
de case todos os membros da Comisión do Estatuto de Autonomía de 1936 e
rematara co do independentista galego Pepe Reboiras en Ferrol. Un rexime
que sementou Galiza de miseria, opresión e emigración.
2º O debe histórico de Fraga Iribarne co noso País non remata em 1975. O ex ministro fascista é, paradoxalmente, un dos elementos chave na voadura controlada da ditadura militar para construir unha democracia a la española respectuosa cos alzados en armas de 1936 e obediente aos poderes económicos e militares que hoxe dominan Europa: unidad indivisible de la patria,
negación do dereito de autodeterminación, control do Exército sobre o
poder civil, propiedade privada dos medios de produción, preminencia da
Igrexa Católica aínda explícita nestes días coa recente inxección de
millóns de euros do erario público e herdanza da monarquía legada por
Francisco Franco.
3º A volta de Manuel Fraga a Galiza no
período 1989-2005, despois de ficar apartado da política estatal, será
recordada polos galegos e galegas do futuro como un negro período
histórico. Desde a administración regional, Fraga Iribarne procedeu, como “servidor de España” que foi, à deconstrución sistemática e programada da nación. Como
bon sipaio, Fraga Iribarne executou o programa de destrución de
sectores produtivos estratéxicos acordado por Bruxelas e Madrid e a
deterioración das nosas condicións de vida e de traballo; posibilitou as
maiores agresións ecolóxicas ao noso territorio, co Prestige como buque insignia destas políticas; agudizou con políticas ad hoc a crise demográfica; acelerou, entre cánticos de galeguismo,
o proceso de substitución lingüística; edificou desde as institucións
autonómicas un entramado caciquil e empresarial funcional aos intereses
españóis e participou activamente na represión de calquer proxecto ou
iniciativa nacionalista.
4º Galiza nada debe a Fraga Iribarne.
O engano masivo a que estamos submetid@s nas últimas 24 horas, e do que
participan PP, PSOE, PCE e incluso, por omisión, a dirección do BNG, en
aberta contradición coa opinión e os sentementos de miles de
nacionalistas, non é outra cousa que unha expresión máis da vileza
política do rexime que nasceu coa Transición Democrática. É falsa a súa condición de demócrata. É falsa a súa condición de galeguista.
Lamentamos apenas que Fraga Iribarne non vivise o suficiente para
responder penalmente polas súas responsabilidades políticas, aínda que
temos a certeza de que, á marxe de manipulacións e falsidades, a historia colocará no seu debido lugar unha personaxe tan nociva para Galiza.
5º Causa Galiza vai seguir traballando para socializar no noso País a necesidade de construirmos un marco de auténtica democracia. Democracia
que esixe como condicións indispensábeis o recoñecemento do libre
exercicio do dereito de autodeterminación e a superación definitiva dun
cadro xurídico-político xestado entre outros por indivíduos como Manuel
Fraga Iribarne. Un marco que vulnera o dereito a decidir e, na mellor tradición da imposición, coloca o Exército español como garante último dunha Unidad de España da que a cada día menos galegas e galegos queremos participar.


No hay comentarios:
Publicar un comentario